Feira de produtos locais em Redondela
O passado 11 de Junho celebrou-se em Redondela, um mercado de producão local de base ecológica. Acudiram produtores e produtoras da comarca, que nos ofereceram uma grande variedade de produtos das suas hortas. A Feira estivo acompanhada duma exposição de sementes da Rede Galega.
Loaira apoiou esta proposta na linha do trabalho desenvolvido de mãos dadas com as produtoras e produtores da comarca, visando ampliar a produção de alimentos de base ecológica na nossa zona.
Loaira denuncia criminalización do movemento polos dereitos dos animais
Desde Loaira, asociación para o consumo responsábel queremos expresar a nosa preocupación ante a recente operación policial contra activistas polos dereitos dos animais rexistrada en diferentes cidades de Galiza e España a pasada semana. A nosa asociación leva anos traballando a prol dunha maior conscienciación da sociedade sobre as graves consecuencias que o noso consumo ten na realidade mundial. A existencia de granxas para a explotación intensiva dos animais é un reflexo dun modelo económico que ten graves repercusións sociais e medioambientais.
Visita à Horta do Cadaval
O passado domingo 15 de maio, Loaira organizou uma visita à Horta do Cadaval, o projecto que Belén e Jacobo desenvolvem na freguesia de Reboreda. A proximidade do lugar permitiu-nos fazer uma linda caminhada até ali. Canda eles visitamos as suas parcelas, seguimos com interesse as explicações que nos iam fornecendo sobre a sua produção. Agora é época de intenso trabalho no agro, pois é momento de plantar grande parte da produção. Mostraram-nos os alcouves que eles realizam e que estão preparados para ser plantados. Falaram-nos das variedades locais que estão intentando recuperar em colaboração com a Rede Galega de Sementes. Falaram-nos também dos projectos e ideias que andam argalhando. Depois da visita, partilhamos um jantar com eles à beira do Alvedosa.
A visita enquadra-se na ideia de mantermos contato com as pessoas que nos subministram produtos frescos, estreitando os laços de relação e confiança com os produtores e produtoras, um dos eixos em que se baseia o consumo transformador.
Alternativas á banca
A Asociación Alén Nós e a Asociación de Consumo Responsábel Loaira organizan unha mesa redonda sobre «Às alternativas á banca», que se celebrará o día 5 de maio ás 20:30h no Multiusos da Xunqueira.
A charla, contará coa presenza de membros de FIARE, AIS O PETO e COOP 57,
que nos explicarán cómo estes proxectos poden ser unha alternativa á banca desde unha perspectiva social.
O noso obxectivo é dar a coñecer unha alternativa ó sistema financeiro convencional, no que a través dun modelo máis transparente e participativo, os seus usuarios/as decidan que se ha de facer cos seus cartos.
Actividades mes de Febreiro
Ao longo deste mes de Febreiro Loaira vai desenvolver unha serie de actividades en Redondela. Con elas pretendemos fomentar o debate e a reflexión arredor de ideas que consideramos poden contribuír á transformación desta sociedade na que vivimos. Por que conformarse?
O venres 4 de febreiro ás 20:30h no Multiusos da Xunqueira, comezaremos cunha charla. Xabier Rodríguez da Coop. de Consumo Responsábel Árbore, Belén Fervenza labrega de Horta do Cadaval e Chus Diéguez de Loaira, vannos falar dende diferentes puntos de vista do consumo responsábel como ferramenta de transformación.
Continuaremos o xoves 17 co documental «A Nova Aldea», de Carlos Oro, tamén no Multiusos ás 20:30h. Diferentes historias arredor de iniciativas orixinais amosarannos que vivir no rural, achegados á natureza, é posíbel.
E o venres 25, desta vez na Casa da Torre ás 20:00h, remataremos cunha charla sobre horticultura urbana. Vivir nun entorno urbano non significa ter que renunciar ao contacto coa natureza. Así o entende Ramón Paz, da Asociación Galega de Horticultura Urbana, que nos falara de experiencias de cultivos en macetas, terrazas, xardíns….
Agardamos contar coa vosa presenza.

Previous Articles
Benvidas/os ao blog de Loaira
Somos unha asociación de consumo responsábel de Redondela. Por estes lares poderás atopar información sobre nos e as nosas actividades




