Loaira denuncia criminalización do movemento polos dereitos dos animais

Desde Loaira, asociación para o consumo responsábel queremos expresar a nosa preocupación ante a recente operación policial contra activistas polos dereitos dos animais rexistrada en diferentes cidades de Galiza e España a pasada semana. A nosa asociación leva anos traballando a prol dunha maior conscienciación da sociedade sobre as graves consecuencias que o noso consumo ten na realidade mundial. A existencia de granxas para a explotación intensiva dos animais é un reflexo dun modelo económico que ten graves repercusións sociais e medioambientais.

As 12 persoas detidas pertencen a Equanimal e Igualdad Animal, organizacións legalmente constituídas que teñen a defensa dos dereitos dos animais e na mellora das súas condicións de vida como eixos do seu activismo social. Ademáis no comunicado emitido por estas dúas organizacións aseguran que “non realizamos o tipo de activismo polo que se nos trata de inculpar. Se algo caracteriza o noso activismo é que é de carácter pacífico e a transparencia das nosas actividades, xa que todo o que facemos acaba sendo de dominio público; xa que pedimos aos medios de comunicación que nos acompañen nas diferentes accións que realizamos”

Porén, entendemos que a detención destas doce persoas, no fondo, fai parte dunha estratexia que visa a criminalización dos movementos polos dereitos dos animais. Observamos con preocupación como esta realidade, a criminalización dos movementos sociais, ven sendo unha constante nos últimos anos por parte das autoridades.
Consideramos desproporcionado tanto o desenvolvemento das intervencións policiais como a prisión preventiva decretada para tres deles.
Esiximos a liberdade das tres persoas en prisión preventiva, entanto que consideramos non existir motivos xustificados para unha medida como esta.