Nova Feira de Troco. Especial Xoguetes e Agasallos

O próximo sábado 18 de decembro a partir das 11:00 nos soportais da Casa do Concello de Redondela terá lugar unha nova edición da Feira deTroco especial xoguetes e agasallos.

A Feira do Troco, continuación doutras edicións celebradas ao longo deste ano, pretende amosar unha alternativa de consumo á marxe da lóxica mercantilista do capitalismo. A proximidade das festas do Nadal, caracterizadas por un alto grao de consumo, nin sempre xustificado, resulta un momento idóneo para pór en práctica este sistema de intercambio. O troco baséase no valor de uso dos obxectos e non no seu valor monetario. Algo que para unha persoa chegou a ser inútil, pode resultar interesante e servíbel para outra.

A iniciativa pretende provocar na cidadanía unha reflexión sobre o modelo habitual de consumo do Nadal. O efecto que provocan agasallos e xoguetes entre os pequenos e queridos non está relacionado co valor monetario dos mesmos, a súa grande cantidade ou coa súa condición de obxectos novos. Polo contrario, o agradecemento, ilusión, sorpresa e ledicia de recibir e ofrecer un agasallo no Nadal baséase no feito do intercambio e no acerto dos obxectos intercambiados. A Feira de Troco ofrece estas condicións e, ao tempo, renova os usos de obxectos esquecidos.

Esta nova edición especial xoguetes e agasallos, pretende contribuír a construír un Nadal máis consciente da nosa relación co noso entorno. O sábado pode ser unha boa oportunidade para trocar algún xoguete ou agasallo.

O sistema de troco do sábado é moi sinxelo. As persoa interesadas poden levar aos soportais da Casa do Concello ata catro obxectos aos que non lle dean uso, mais que estean en bo estado. Entre as 11:00 e as 12:30 recolleranse eses obxectos entregándose un vale numerado por cada un deles. Entre as 12:30 e as 13:30 os vales poderanse trocar polos obxectos depositados. Cada vale pode ser trocado por un obxecto. No caso de que dúas ou máis persoas estean interesadas nun mesmo obxecto, darase prioridade á numeración dos vales.